Mámoa das Lameiras
As Lameiras atópase encadrada nunha chaira nunha das terrazas do Miño, xa case lindeiro ca conca do río Barbaña, sendo estes solos abondosos en granito e cuarzo. O que antano foran terras de labor comunais de Moreiras-Trelle, hoxe son un terreo de monte baixo ó levar ermas os últimos anos. A paisaxe está moi alterado polas numerosas intervencións que durante as últimas décadas fixéronse nel con maquinaria pesada, estando hoxe moi remexida a terra do lugar; sen contar as moreas de pedra e terra ciscadas por todo o campo produto das obras dun inconcluso campo de golf a escasos metros do xacemento, e o máis que posible uso coma vertedoiro deste monte.
Moi preto da pista forestal que discorre por estas terras atópase a mámoa. A visita dos técnicos de patrimonio o 12 de agosto de 2020 deunos os primeiros datos sobre ela . O arqueólogo Manuel García Valdeiras, encargado da peritaxe, nunha primeira ollada ó túmulo declarou que presentaba numerosas alteracións: por unha parte a abondosa vexetación que o cubría e que agora estaba calcinada, sendo esta monte baixo e algunhas árbores coma piñeiros, bidueiros e carballos que medraran na mámoa; ademais dos incendios forestais, segundo palabras de García Valdeiras: “o túmulo presenta evidencias de saqueo sistemático, o lateral Norte está alterado por achairamento e os restos da coiraza amoreados sobre o mesmo”. Datouna no período calcolítico (III milenio a.C.), sendo posiblemente unha mámoa de corredor, é dicir, tiña un corredor de acceso á cámara de enterramento; que o radio oriental sexa máis largo que o occidental sería a característica que levou a pensar que se trata deste tipo de túmulo.
A medición das súas dimensións deu que ten dous metros de altura e un diámetro de 28 m. Obsérvanse restos da coiraza de granito, e a acumulación destas pedras na cara norte responde a unha alteración do túmulo no pasado, polos posibles traballos agrícolas que se facían na zona, tamén é notable esa alteración ca leste e sur; tralo lume na cara sur-leste había rodeiras das cadeas dunha das máquinas de extinción do incendio. O cono de violación (buraco feito na coiraza no pasado para saquear o túmulo) dun metro de fondo, mostra as antas (pezas do dolmen ou cámara funeraria), sendo visibles a pedra da cabeceira e as dúas laterais, así coma dúas de calzo entre a cabeceira e a lateral norte, outra lousa que se atopa sobre o cráter podería ser parte da tampa (teito do dolmen) ou outra peza da cámara. Pola tipoloxía do túmulo e pola datación correspondese cunha estrutura de enterramento de carácter comunitario, aínda que, segundo comentou arqueólogo, é posible que posteriormente fixéranse enterramentos de carácter individual coiraza do monumento.
Unha característica a ter en conta da mámoa, que pode non ser casual, é a súa proximidade ao camiño, sendo moi habitual a construción destes monumentos funerarios nas rutas de paso, pois estes foron os primeiros delimitadores dunha paisaxe que comeza a ser domesticada pola humanidade(2) ; o que hoxe semella ser unha pista forestal era no pasado un camiño tradicional, coma dan conta as fotografías aéreas do voo americano de 1945-1946. O achádeo do que semella ser un bifaz (unha ferramenta lítica) nas proximidades da mámoa a finais de 2020 daría conta dun campamento humano nos arredores do túmulo, pois estas eran comunidades itinerantes e adoitaban acampar nos arredores das necrópoles ou nas proximidades, buscando con elas conexión visual(3) . Outra curiosidade que chama a atención son as abondosas pedras de seixo (cuarzo) presentes na coroza, sendo este un elemento que na antigüidade relacionábaselle un carácter protector contra o sobrenatural, podería indicar a vontade dos seus construtores de darlle protección espiritual ó panteón funerario.